https://salesianoslugo.es/wp-content/uploads/2025/04/ClausuraCG29-Roma-ABRIL-202500001-scaled.jpg
O novo Reitor Maior chama aos salesianos a converterse en «sacramento de esperanza, ofrecendo aos mozos espazos de crecemento, acollida e futuro».
O XXIX Capítulo Xeral (CG29) da Congregación Salesiana chegou ao seu fin en Roma, tras unha intensa asemblea iniciada o pasado 16 de febreiro en Turín. O documento final elaborado «guiará á Congregación durante o sexenio 2025-2031», como sinalou o novo Reitor Maior, don Fabio Attard, no discurso de clausura, e marcará un momento crucial para a revisión da vida e misión dos salesianos nos 136 países onde están presentes. O acto de clausura celebrouse na Basílica do Sagrado Corazón de Xesús en Roma, templo levantado por San Xoán Bosco e sede central da Congregación Salesiana, pois os tres últimos días o CG29 trasladouse a Roma para participar no Ano Xubilar.
O CG29, baixo o tema central «Apasionados por Xesucristo, dedicados aos mozos», reuniu a 227 salesianos representantes de todo o mundo, entre os que se atopaban sete das dúas provincias salesianas de España: Fernando Miranda, Jordi Lleixá, José Luis Navarro da Inspectoría Salesianos María Auxiliadora (SMX) e Fernando García, Xabier Camino, Koldo Gutiérrez e Óscar Bartolomé, da inspectoría Salesianos Santiago o Maior (SSM).
Fabio Attard, novo Reitor Maior
Un dos momentos importantes do Capítulo Xeral foi a elección do novo Reitor Maior, o sacerdote salesiano Fabio Attard, quen se converte así no XI Sucesor de Don Bosco. Por primeira vez, o Reitor Maior electo non se encontraba presente na aula capitular no momento da súa elección pois non participaba no CG29. Tras a elección do Reitor Maior, procedeuse á elección do novo Consello Xeral da Congregación Salesiana. Tamén se elixiu ao Vicario, a catro conselleiros de sector (Formación, Pastoral Xuvenil, Comunicación Social e Misións), o Ecónomo Xeral e a oito conselleiros rexionais, entre eles o español Juan Carlos Pérez Godoy como Conselleiro Xeral para a Rexión Mediterránea. Esta rexión que engloba as presenzas salesianas de Portugal, España, Italia, Croacia, Norte de África e Medio Oriente. A súa labor será fundamental para acompañar a vida e misión das comunidades da súa rexión e facilitar a comunicación co Reitor Maior e o seu Consello.
Liñas estratéxicas para os próximos seis anos
Durante as semanas de traballo en Turín, do 16 de febreiro ao 10 de abril, os capitulares centraronse en tres núcleos de reflexión fundamentais: a animación e coidado da vida vocacional do salesiano; a colaboración entre salesianos, a Familia Salesiana e laicos con e para os mozos na misión compartida; e a revisión e reorganización do goberno da Congregación nos diversos niveis. O tema da misión compartida erixiuse como unha cuestión clave na tarefa educativo-pastoral salesiana.
Outro momento importante foi a votación do cambio das Constitucións da Congregación para que os salesianos coadxutores -salesianos non sacerdotes- poidan ser directores de Comunidades Salesianas.
No discurso final, don Fabio Attard apuntou á conversión persoal de cada salesiano, ao coñecemento profundo de Don Bosco, a ser sacramentos de esperanza crecendo en fidelidade ao carisma orixinal e sendo profecía no mundo actual, como liñas de futuro para a Congregación pois, sinalou, «cando estamos verdadeiramente apaixonados por Cristo e dedicados aos mozos, descubrimos que camiñar xuntos é fermoso, aínda que sexa desafiante».
A etapa final do CG29 trasladouse a Roma, onde os capitulares concluíron os seus traballos e realizaron, o venres 11 de abril, unha peregrinación a San Pedro neste ano xubilar. Tras pasar en peregrinación a Porta Santa, celebrouse unha eucaristía presidida polo Reitor Maior no altar da Catedra da basílica Vaticana. Estaba previsto un encontro co papa Francisco que, por motivos de saúde, non puido realizarse. Aínda así, Francisco quixo achegarse aos capitulares a través dunha mensaxe na que tivo palabras de agradecemento aos salesianos por «todo o ben que realizan no mundo enteiro» e alentounos a «continuar con perseveranza». Comentando o lema do CG29, animou aos salesianos a «deixarse implicar plenamente polo amor do Señor e servir aos demais sen reservarse nada para un mesmo, tal como fixo no seu momento o voso Fundador. Aínda que hoxe, respecto a entón, os desafíos a afrontar cambiaron en parte, a fe e o entusiasmo seguen sendo os mesmos, enriquecidos con novos dons, como o da interculturalidade».
A Congregación Salesiana mira cara ao futuro coas directrices marcadas por este Capítulo Xeral, reafirmando o seu compromiso cos mozos. Un tempo de reflexión profunda e discernimento para responder aos desafíos actuais e fortalecer o carisma de Don Bosco no mundo.