Comezamos un novo curso escolar 26-27 onde a campaña pastoral “ESTA É A TÚA CASA” nos invita a redescubrir a nosa CASA SALESIANA como lugar de acollida e acompañamento e misión. Unha CASA onde cada un dos que aquí está poida sentirse esperado, coidado e chamado a actuar.

Este ano celebramos os 150 anos da publicación do opúsculo escrito por Don Bosco do Sistema Preventivo polo que toda presenza salesiana se manifesta como “casa que acolle, escola que educa, parroquia que evanxeliza e patio onde atoparse con amigos».

Este curso traballaremos tres núcleos temáticos, un por trimestre: Razón, Relixión e Amor que son os piares do noso Sistema Preventivo.

RAZÓN

“Asómate, con liberdade” que “ESTA É A TÚA CASA”. Formas parte dunha realidade que che ofrece as “portas abertas”. Nada queda á marxe nesta casa da vida. Contempla, mira, observa, grava na túa ollada unha realidade que está ao alcance da túa existencia. Así pois,… asómate con liberdade, cun amplo horizonte despregado.

RELIXIÓN

Non teñas medo. “Entra, con confianza” que “ESTA É A TÚA CASA”. Que o que viches non só te impresione. Estás a intuír que é unha realidade con corazón; podes sentir os latexados do cariño nas persoas actuais e nas que nos precederon, porque esta, que é a túa casa, é tamén casa de Deus. “Onde hai amor, alí está Deus”. Séntete coma en casa. Dá á vida o sentido e a forza que xera a confianza do saberse dentro dunha contorna apropiada, privada e propia. Por tanto…, entra con confianza, sen medo.

AMOR

 E non te quedes cos brazos cruzados e o corazón distante. “Actúa, con xenerosidade” que “ESTA É A TÚA CASA”. Implícate o máis que poidas, ofrecendo e dando vida, non quedes de brazos cruzados… Asume compromisos e responsabilidades nalgún dos campos que cho ofrecen… Preséntanseche infinidade de posibilidades para que vivas e invites a vivir a experiencia do amor, da convivencia, da paz, do compromiso, da festa, do voluntariado… Pois por iso,… actúa con xenerosidade, non deixes pasar este momento.

Neste novo curso será un tempo para facer posible e vital unha experiencia fundamentada na razón, a relixión e o amor. Esta CASA SALESIANA DE LUGO pode ser esencial na vida dos que formamos a CEP. Debemos sentila como nosa e coidala con agarimo. Por iso dicimos: Vive a vida na túa casa!

“Fagamos que todos os que vivimos nesta casa formemos unha gran familia”. Somos familia! “ESTA É A TÚA CASA!

Dende o Equipo de Pastoral queremos dicirche: Feliz curso para todos e todas.

Ir al contenido