Salesianos Lugo participa na II Feira Científica Escolar Salesianos promovendo o talento e a ciencia entre o seu alumnado.
O pasado venres 20 de febreiro, o CPR Plurilingüe María Auxiliadora – Salesianos Ourense acolleu con entusiasmo a II Feira Científica Escolar Salesianos, un evento que reuniu centros educativos salesianos de Galicia co obxectivo de compartir proxectos científicos innovadores e fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado.
A feira, celebrada na rúa Ponte Romana, fronte ao colexio ourensán, contou coa participación de diversos centros da rede salesiana. Un deles foi o noso colexio , Divina Pastora Salesianos Lugo, cuxo Club de Ciencias presentou interesantes traballos relacionados con fenómenos meteorolóxicos e tecnoloxía aplicada. O equipo de Lugo tamén contribuíu con proxectos como unha estación meteorolóxica, un estudo que relaciona as emocións co tempo atmosférico, unha radio de galena e unha caixa de Faraday para anular sinais de teléfonos móbiles, amosando o compromiso do noso alumnado coa ciencia, a creatividade e a procura de solucións reais.
A feira serviu como plataforma para que o alumnado intercambiase experiencias, expuxese as súas investigacións e compartise ideas con compañeiros doutros centros salesianos. Ademais de fortalecer os lazos entre os colexios participantes, a xornada axudou a visibilizar o traballo dos mozos e mozas como axentes de cambio, promovendo a curiosidade científica desde unha perspectiva colaborativa e estimulante.
Eventos coma este reforzan o compromiso educativo de Salesianos coa formación integral do alumnado, impulsando competencias clave, a paixón polo coñecemento e o espírito creativo que caracteriza á nosa comunidade educativa.




