Lugo. 9 de Xaneiro de 2026.O CPR Divina Pastora – Salesianos de Lugo foi recoñecido como centro gañador do certame de debuxo convocado pola Xunta de Galicia con motivo do 25 aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

O traballo premiado foi realizado polo alumnado de 4º de Educación Infantil, que participou con grande ilusión nesta proposta artística vencellada ao coñecemento e á posta en valor do patrimonio da nosa cidade. Como recoñecemento, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o colexio para felicitar persoalmente aos nenos e nenas e facerlles entrega dun xogo educativo que poderá ser compartido na aula.

Durante a visita, o delegado explicou tamén que o debuxo gañador foi empregado como imaxe central da postal de Nadal da Delegación Territorial, un detalle que pon en valor a creatividade e o trballo realizado desde as primeiras etapas educativas.

Desde a Xunta quíxose destacar, ademais, a implicación do profesorado do centro, subliñando a importancia de educar desde idades temperás no respecto, no coñecemento e no coidado do patrimonio histórico e cultural.

Este certame enmárcase no conxunto de actividades organizadas para conmemorar os 25 anos da Muralla de Lugo como Ben Mundial, baixo o lema “A Muralla de Lugo: un desexo, un recordo, unha felicitación”, e contou coa participación de arredor de 400 traballos escolares que permaneceron expostos durante todo o mes de decembro na sede da Delegación Territorial en Lugo.

Anterior
Los Salesianos presentan su campaña vocacional para 2026: “Una historia que vivir”
Siguiente
Espazo de Familias: Educación da asertividade
Ir al contenido