benestar-emocional

«Escola de pais: O Concepto de Benestar Emocional»

O benestar emocional é un concepto amplo que ten que ver, non só coa experiencia subxectiva de sentirse ben, en harmonía e con tranquilidade, senón tamén coa experiencia persoal de satisfacción por ser quen de afrontar dificultades e superar de xeito positivo ou adaptativo ás contrariedades que se presentan na vida cotiá. É un aspecto clave da saúde mental, para todas as persoas, tamén obviamente para nenos, nenas e adolescentes.

Segundo a OMS, no seu plan de acción integral sobre saúde mental, para o período 2013-2020, a saúde ou o benestar emocional é un “estado de ánimo no cal a persoa dáse conta das súas propias aptitudes, pode afrontar as presións normais da vida, pode traballar de xeito máis produtivo e pode facer unha contribución á comunidade”.

Este benestar emocional, ten puntos clave nos que podemos incidir tanto dende o colexio como dende a casa, para que sexa algo máis doado de conseguir.

A psicoloxía positiva enfócase no estudo das emocións e características positivas e como estas poden ser cultivadas nos individuos para lograr unha vida plena e satisfactoria. No caso dos nosos nenos/as e adolescentes, a psicoloxía positiva enfócase en promover o seu benestar emocional a través de técnicas e ferramentas que fomenten a resiliencia, o optimismo, a motivación e o sentido de futuro.

O optimismo é unha actitude mental que se enfoca en atopar o lado positivo das situacións e en ver o futuro con esperanza. As persoas optimistas teñen unha maior capacidade para enfrontar situacións difíciles e superar obstáculos, o que lles permite desenvolver unha maior resiliencia e autoconfianza.

Outro aspecto clave do benestar emocional é a motivación. A motivación é a forza que impulsa aos nenos e adolescentes a alcanzar os seus obxectivos e metas. Os e as que teñen unha forte motivación adoitan ser máis perseverantes e teñen unha maior capacidade para superar os obstáculos que se lles presentan no camiño.

O sentido de futuro é outro elemento importante, refírese a que o futuro é algo fundamental no noso día a día, xa que constantemente estamos planeando, case sen darnos conta, sobre o que imos facer máis tarde, mañá, a próxima semana, o mes que vén ou en varios anos. A incerteza provócanos ansiedade, estrés, en cambio, cando consideramos que diriximos o noso barco, sentímonos máis capaces de dominar as circunstancias adversas e enfrontámonos máis directamente aos problemas. Ademais as nenas, nenos e adolescentes que teñen un sentido de futuro positivo son máis propensas/os a establecer metas realistas e a traballar de maneira constante para alcanzalas. O sentido de futuro tamén está relacionado coa capacidade dos nenos, nenas e adolescentes para planificar e tomar decisións que lles permitan alcanzar os seus obxectivos.

O perdón tamén é un aspecto moi importante, xa que lles permite liberarse de emocións negativas como o rancor e a ira, e fai que sexan máis felices, teñan relacións máis saudables e que poidan avanzar nas súas vidas.

O estilo explicativo é outra ferramenta que pode ser utilizada para promover o benestar emocional, refírese á maneira en que as persoas se explican os eventos que suceden nas súas vidas. As que teñen un estilo explicativo positivo son máis propensas a ver os eventos negativos como algo temporal e específico, en lugar de algo permanente e xeneralizado. Isto permítelles superar situacións difíciles de maneira máis efectiva.

O crecemento postraumático ou resiliencia, refírese á capacidade das persoas para crecer e desenvolverse despois de experimentar situacións traumáticas. Os nenos/as e adolescentes que experimentan situacións traumáticas ou difíciles, poden desenvolver unha maior capacidade para superar obstáculos e enfrontar situacións difíciles, o que lles permite crecer e desenvolverse de maneira positiva.

Por último, pero non menos importante é o sentido do humor, xa que permite manexar situacións difíciles de maneira máis efectiva e ter unha actitude máis positiva ante a vida.

A modo de conclusión, resaltar que é imposible non sufrir nunca unha situación difícil, polo que o importante é dar ferramentas e apoio aos nosos fillos/as para que cando teñan un problema, saiban afrontalo e superalo.

Anterior
Día de la discapacidad
Siguiente
Prazo de admisión de alumnado novo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Rellena este campo
Rellena este campo
Por favor, introduce una dirección de correo electrónico válida.
Tienes que aprobar los términos para continuar

Ir al contenido