DON QUIJOTE – DÍA DO LIBRO

ACTIVIDADES DO DÍA DO LIBRO

No noso cole é de vital importancia o fomento da lectura, pensamos que ler é unha das mellores maneiras que temos de viaxar, de vivir aventuras, de emocionarnos, de rir, de soñar… Por iso, durante estas dúas últimas semanas realizamos, en todas as etapas do cole, numerosas actividades para que os nosos rapaces e rapazas viaxen a través dos libros.

Comezamos xa o 15 de abril colaborando todos xuntos na gravación dun vídeo lendo un anaquiño de “Don Quijote”: dende os máis pequechos do cole ata os maiores, todos participaron desta actividade, enormemente emocionados polo seu estreo o 23 de abril, Día Mundial do Libro.

Asemade, foron numerosas as sesións de contacontos levadas a cabo polo alumnado da ESO en Infantil e Primaria, algo que os nosos nenos e nenas desfrutan sobremaneira.

Pero non só os alumnos da ESO foron os nosos “contacontos”, tivemos a gran sorte de contar con numerosas familias que participaron con gran ledicia desta actividade e outra visita tamén moi, moi especial e coa que os nenos quedaron encantados: os anciáns da Residencia Orpea, que co seu cariño e tenrura nos alegraron a mañá.

As actividades interxeracionais encántannos, por iso o alumnado de 6º visitou a Residencia A Milagrosa para desfrutar da lectura todos xuntos, así como a Escola Infantil Sagrado Corazón para levar a cabo un contacontos dirixido por eles.

Outra actividade que gozou de gran éxito foi a elaboración do “bookface” polos nosos nenos e nenas e as súas familias, unha forma divertida de adiviñar quen se esconde detrás de cada libro e pasalo realmente ben.

O noso “Carro lector” tamén tivo un enorme éxito, así como o intercambio de libros entre os rapaces e rapazas das clases e a elaboración de contos que levaron a cabo os alumnos de 4º e 5º.

En definitiva, foron unhas semanas fantásticas, cheas de aprendizaxe, divertimento, emocións, nas que a colaboración, tanto de todos os profes, como dos nenos e as familias foron fundamentais para podela levar a cabo con éxito. Sigamos lendo para seguir soñando. Coidemos o noso espírito lector!

Anterior
Departamento de orientación
Siguiente
Viaxe a Madrid para ver o musical «Sueños»
Ir al contenido