


No colexio Divina Pastora Salesianos Lugo contamos co Club de Ciencias de Secundaria, unha iniciativa escolar pioneira en canto á súa metodoloxía e implementación. Ten como obxectivos contribuir ao desenvolvemento das vocacións científicas entre o alumnado e fomentar o espírito innovador e emprendedor. Ademais contribúe de maneira significativa a xerar situacións de aprendizaxe que axuden aos participantes na aplicación dos contidos teóricos das materias de ciencias.
Agora mesmo conta coa participación de 18 alumnos/as de 2º a 4º da ESO, que se reúnen tódolos mércores pola tarde e levan a cabo proxectos de química, física, robótica, programación informática e deseño industrial de xeito lúdico e divertido.
O criterio de admisión é mediante expediente académico na área de ciencias en 1ºESO así como aquel alumnado que amosa unhas altas capacidades ou un rendemento excepcional para algunha das temáticas traballadas. Os criterios atenden á alta demanda de persoas que queren formar parte do Club.
O Club de Ciencias do noso colexio, situouse como unha experiencia de éxito pioneira, que está a ser imitada por outros colexios da Congregación Salesiana e da contorna, e que mesmamente xa tivo repercusión nos medios de comunicación local.


ACTIVIDADES DO CLUB DE CIENCIAS
GALICIENCIA
A maior feira científica escolar de Galicia acostuma ser un dos fíos de traballo do Club. No curso 23-24 estrenámonos co Proxecto “A madeira, mellor ao natural” no que, aplicando o método científico, estudamos e comparamos a eficacia dos tratamentos comerciais da madeira fronte a métodos naturais. Para elo, levamos a cabo unha reprodución das condicións de humidade e temperatura para a aparición de fungos, e mediante un microscopio determinamos os graos de afectación segundo o tratamento.
No curso 24-25 estamos a participar co proxecto “A ciencia das emocións”, que parte da hipótese de que a meteoroloxía e o momento do ano inflúen no noso estado de ánimo. Para iso deseñamos e construimos unha estación meteorolóxica empregando conceptos de deseño e impresión 3D, así como de robótica. Por outra banda, implementamos un estación de recollida de datos do estado anímico, que gradúa o estado de ánimo de 1 a 4. A mostra empregada está a ser o propio alumnado, e os resultados someteranse a un rigoroso estudo estatístico multivariante.




OLIMPIADA MATEMÁTICAS SEGUNDO DE ESO
E MATEMÁTICAS NA RAIA TERCEIRO DE ESO
O alumnado do Club de Ciencias e outro alumnado que supera unhas probas a inicio de curso son preparados dende o Departamento de Ciencias para que poidan participar con garantías nas competicións matemáticas que se ofertan para a súa idade.
Na Olimpiada de 2024, un alumno do centro logrou gañar a fase provincial da olimpiada matemática de 2ºESO e participar na final galega. Ao longo deste curso 24-25, un grupo de tres alumnos/as estanse a preparar arreo para superar a fase provincial que terá lugar no mes de abril.
I FEIRA CIENTÍFICA ESCOLAR DON BOSCO
O xoves 6 de febreiro tivo lugar na Praza da Milagrosa a I Feira Científica Escolar Don Bosco, dentro do marco da celebración do día deste santo tan singular para a xuventude. A actividade, organizada polo CPR Divina Pastora Salesianos Lugo, contou coa participación de proxectos de centros de secundaria e formación profesional de toda Galicia e Castela e León, así como de centros da cidade como o Colexio Diocesano San Lorenzo. Na feira, na que se estima que houbo más de 400 persoas visitantes, podéronse ver dende un dispensador de medicamentos autómata, pasando por unha pequena estación meteorolóxica así como un dispositivo de seguridade vial para evitar as colisións en sentido contrario.
A alcaldesa, Dona Paula Alvarellos, en paz descanse, foi a encargada de saudar ás personas participantes e inaugurar a I Feira Científica Escolar Don Bosco, reforzando o obxectivo da mesma, que é o de fomentar entre a cidadanía en xeral, e a mocidade en particular, as vocacións científicas e tecnolóxicas.
Esta actividade foi dinamizada íntegramente polo alumnado que pertence ao Club de Ciencias.

