• https://www.escuelascatolicas.es/pacto-educativo-global/


COMO ACOMPAÑARA A UN MENOR QUE PERDEU UN SER QUERIDO?

 

O dó é un proceso natural de resposta ante a perda dun ser querido. Hai que ter en conta que cada un de nós vivímola de forma distinta aínda que todos debemos superar as mesmas etapas. Agora ben, a idade e o grado de comprensión da realidade afectan de xeito desigual a cada persoa. Estas etapas organizan dun determinado xeito as reaccións, os sentimentos e o proceso de sandación,que acabaría cando se completaron as catro tarefas: aceptar, soportar, adaptarse e seguir vivindo. Conclúe cando a persoa é capaz de pensar no falecido sen dor.

Entón,como falamos cun neno/a que sufriu a perda dun ser querido e está no seu proceso de dó?

Existen diversos factores a ter en conta:

1- A idade do neno, e polo tanto as súas capacidades cognitivas e emocionais que están en construción. Non esquezamos que as preguntas dos nenos son absolutamente concretas. Sobre o recentemente falecido preguntará: E xa non vai comer?, onde se vai agora?, por que non fala?

2- O tipo de vínculo que mantiña coa persoa falecida. O apego central ou menos central influirá na xestión do dó.

3- Os recursos internos cos que conte o neno e como afronte as dificultades propias do vivir ata o momento e/ou outras perdas de diversa índole.

4- Os recursos externos que garantan a atención e coidados debidos. Igualmente,se estes recursos externos contribuíron a madurar en anteriores perdas ou dificultades. Un exceso de sobreprotección non vai axudar.

Algunhas ideas erróneas en torno ao dó nos nenos/as e adolescentes:

“O neno/a non entende nada e, polo tanto, non hai que falar do tema”

Podemos intuír que cando o neno/a é pequeno/a non se dá conta do que sucedeu, e non comprende todo o que rodea á morte. Pero isto non é así. Os nenos/as son capaces de darse conta, como mínimo, que algo cambiou na súa contorna e que a persoa que morreu xa non está. Trala morte dun ser querido presente na vida do neno/a faise imprescindible a elaboración do dó . Fraco favor facemos se como adultos disimulamos ou non falamos do sucedido. Adoitamos evitar falarlle ao neno/a con claridade para evitarlle o sufrimento, ou coa intención de que senta menos dor. Pero contrario ao que poderías imaxinar, falar coa verdade alivia a súa dor e axuda ao proceso de dó , móstralle que é posible e válido falar da dor e compartilo con quen lle dá seguridade. Falar coa verdade, facerlle saber que podes responder ás súas preguntas, acompañalo e aos poucos axudalo a elaborar esta perda que sufriu. Pero non te esquezas de respectar os seus tempos, non todos quererán falar no mesmo momento.

Fala de xeito sinxelo, toma en conta a súa capacidade para comprender, escóitao e responde as preguntas que poidan xurdirlle. As preguntas que faga poden tratarse de cousas que para ti non son relevantes pero precisa dun adulto que lle axude a aclarar as súas dúbidas e temores,

que dote de realidade as teorías que el mesmo irá construíndo. Aínda con estas claves, non terás todas as respostas ás preguntas que lle xurdan ao neno/a, non te angusties, non pasa nada, iso tamén é parte da realidade. Non todo se poderá responder. Hai preguntas que necesitarán de tempo para poder ser respondidas. O importante é que durante o proceso de dó o neno/a se senta acompañado e seguro, que o seu coidado e a atención que necesita estea garantida.

“O dó non dura máis dun ano”

Cada dó é único porque cada persoa é única non hai un tempo exacto para cada dó ; dura o que cada persoa tarda en atravesalo . Contrariamente ao que se poida pensar, o neno/a adoita elaborar o dó máis rapidamente que o adulto. A vida dos nenos e adolescentes está suxeita a uns horarios e actividades escolares e extraescolares, ademais das que teñen que ver co xogo e o lecer que, se se mantéñen con normalidade, axudan a dixerir moito mellor unha realidade absolutamente devastadora. Por iso, manterse nos hábitos normais de cada día que manteñan as relacións sociais xa existentes, axuda o neno/a a conectarse co seu aquí e o seu agora e reemprender canto antes a súa vida cotiá.

“É mellor ocultar a dor para que o neno non sufra”

Aos adultos angustianos a nosa propia angustia e non poder soportar a do neno. Ao protexer en exceso, desprotexemos os menores no sentido de que impedimos que desenvolvan as habilidades e recursos internos necesarios para afrontar o dó polo ser querido que morreu. A expresión emocional dos nenos/as depende de que os adultos lles proporcionemos espazo e lexitimen esas emocións. Teñamos en conta que a expresión emocional infantil tamén é distinta. Canto máis pequenos, máis incapacidade para expresar con palabras as emocións que expresamos os adultos mediante a palabra. Ao neno/a hai que facilitarlle os seus medios corporais de expresión, comezando polo choro sen máis, e aquelas mediacións que axudan a expresar emocións: debuxos, poemas, cancións, xogos...

“Que o neno non vaia ao tanatorio nin ao enterro”

Pénsase en ocasións que o neno/a non debe acudir ao tanatorio, ao enterro, nin ao funeral, porque dese xeito de novo evitámoslle unha dor innecesaria. E nada máis lonxe da realidade. Estes lugares e ritos funerarios axudan a elaborar, cada cal ao seu xeito, o dó pola perda do ser querido. Son momentos de despedida que non podemos aforrar ao neno/a pero si adaptalos segundo a idade. No caso dos adolescentes habemos de ter especial coidado e comprensión pois neles a morte adoita provocar máis manifestacións de ira e enfado e en ocasións iso exprésase en non querer participar en determinados ritos, e así hai que respectalo ofrecéndonos sempre para estar cerca, charlar, acompañar.

Recorda

→ A vida do neno/a non adoita interromperse, segue o seu ritmo.

→ Habitualmente resólvese o dó de xeito máis rápido

→ Manter as rutinas é esencial e adoita ser un factor protector.

→ A expresión emocional é indispensable e pode facerse por vías alternativas.

→ Nos nenos/as a perda adoita traducirse en perdas concretas fronte á dos adultos que implica unha perda-global.

→ Os nenos/as necesitan comunicar as súas dúbidas e inquietudes aos adultos.

→ Os apoios familiares e sociais son imprescindibles para a resolución do dó .

contacto