A identidade é o coñecemento coherente que temos de nós mesmos/as, está formada a partir da personalidade e das circunstancias que vivimos. A formación da identidade é unha tarefa que dura toda a vida, ocupando un lugar moi importante na etapa da adolescencia, onde se define en gran medida. Para moitos/as, durante esta etapa consolídanse e fortalécense os conceptos que xa tiñan elaborados sobre si mesmos/as (identidade), mentres que para outros/as, o proceso supón o desenvolvemento doutros novos sobre a súa persoa.

Na adolescencia, a autonomía persoal convértese por primeira vez nun tema importante. O/a neno/a busca autonomía, xa non ten tantos medos infantís; a súa excesiva confianza e seguridade lévano/a a veces a crerse omnipotente. A búsqueda desta, está relacionada coa individualización e a independencia, de alí que se distancien dos/as pais/nais, apegándose máis aos amigos/as.

A pesar disto último, non se debe de esquecer que os valores e crenzas dos/as pais/nais seguen tendo un gran peso nos/as mozos/as, dado que ó final, serán os adoptados por eles/as á hora de tomar decisións importantes.

Por outra parte, é durante este período onde os/as mozos/as comezan a defender os seus dereitos, cuestionar as normas familiares, pensar máis no futuro, ver aos seus proxenitores imperfectos (antes vistos como seres perfectos, marabillosos, admirables, etc.)…, deixan de pensar só no presente inmediato, o que provoca algo de tensión na casa, chegando incluso ao punto no que os/as adolescentes mostran rexeitamento cara ós/ás pais/nais; non obstante, máis adiante volven recuperar a admiración cara eles/as. Noutras palabras, a adolescencia parece ir seguida de cambios pasaxeiros das relacións familiares, caracterizándose por maiores conflitos e polos intentos desesperantes, e ás veces infrutuosos, dos/as pais/nais por impoñer disciplina, por suavizar os enfrontamentos, etc. É importante que os/as proxenitores non dramaticen estes enfrontamentos. Unha actitude paterna/materna comprensiva deste período e prudente (aínda que non despreocupada, indiferente ou excesivamente confiada) eliminará toda ou, polo menos, moita da tensión familiar.

Ademais, como pais/nais é necesario ter presente que nesta etapa tamén comeza a desenvolverse a conduta sexual: polo xeral, os rapaces son moito máis permisivos que as rapazas, ven unha gama de comportamentos sexuais “adecuados” moito máis ampla que elas, que xeralmente reservan a intimidade sexual para relacións nas que senten que hai amor.

Os/as pais/nais aínda poden ter algunha influencia sobre a conduta social dos seus fillos/as. Cando estes/as observan aos seus fillos/as e supervisan razoablemente, as súas actividades, as relacións sexuais tenden a atrasarse. A comunicación entre adolescentes e pais, neste tema, tamén é importante, relacionándose a falla de comunicación cun inicio dea actividade sexual máis temperá e, nalgúns casos, de consecuencias que logo non están en condicións de afrontar.

Por último, a modo de conclusión e resumo, indícase o seguinte:

  • Fale co/a adolescente e déixelle expresar os seus puntos de vista, aínda que non os comparta totalmente. Na adolescencia fórmase de maneira máis forte e clara a identidade persoal.
  • Encontre un equilibrio entre permitir e moderar.
  • Desenvolva cada vez máis unha actitude positiva cara o recoñecemento da súa individualidade. Respete a intimidade do/da adolescente.
  • Na adolescencia son frecuentes certos enfrontamentos entre pais/nais e fillos/as, debido a que o/a xove trata de mostrar notoriamente a súa identidade.
  • A adolescencia é un período non permanente de moitos cambios, no que se poden dar situacións de risco como por exemplo: a bebida, as drogas, as enfermidades de transmisión sexual, etc.
  • A maioría dos/as adolescentes teñen una visión bastante realista acerca de si mesmos/as, non teñen problemas de disciplina cos seus pais/nais e manteñen ambicións normais e realistas.
  • A maioría dos problemas emocionais e/ou relacionais que afectan ós/ás adolescentes superaranse ao alcanzar a etapa adulta pero algúns poden perdurar e agudizarse, polo que é importante prestarlles atención.
  • As principais diferenzas entre pais/nais e fillos/as soen aparecer en temas relativamente pouco importantes (moda, música, afeccións, etc.).