Durante este curso dende o Departamento de Orientación, tanto cos vosos fillos/as como aquí na escola de Nais e Pais, imos traballar seguindo tres eixes. No primeiro trimestre trataremos as Habilidades Sociais e emocionais.

No segundo, como afrontar as Novas Tecnoloxías e no terceiro a educación afectivo-sexual.

Neste mes de outubro, imos falar un pouco sobre a empatía, que se enmarca dentro da intelixencia emocional. Moita xente relaciona esa palabra co dito de “trata aos demais como che gustaría que te trataran a ti”. Pero visto dunha forma obxectiva, non a todo o mundo lle gusta o mesmo, hai xente que é máis aberta e lle gusta que lles pregunten directamente polas cousas, e hai outra que é máis reservada e algo tan directo pódelle parecer agresivo.

A clave da empatía é tratar aos demais como lles gustaría que lles trataran, e para iso hai que coñecelos primeiro.

Cando os nenos/as son moi pequenos pensan que todo o mundo xira ao seu redor, polo que como se senten os demais non lles é importante. Cando van crecendo van comprendendo o que lles pasa aos demais, por exemplo choran cando ven unha película triste ou rinse cando é graciosa, porque se identifican coas personaxes e as súas emocións. Iso quere dicir que xa comezan a desenvolver a capacidade da empatía.

Unha das ferramentas que axudan a que se desenvolva esta habilidade é poñerlle nome a esas emocións, axudarlles a que expresen o que lles ocorre.

A empatía axuda sobre todo aos máis pequenos a tratar mellor ás persoas que nos rodean, e a xestionar os conflitos que surxan con elas. E esta como o resto de habilidades da intelixencia emocional pódese mellorar.

A mellor maneira de traballala é mediante o exemplo, polo que un paso esencial para inculcar a súa relevancia é aplicándoa no noso día a día. Se os pais/nais prestamos atención ás cousas que lles ocorren aos nosos fillos/as e lles facemos ver que nos importan e que temos en conta as súas opinións, faremos que sexan empáticos cos demais (como o somos nos con eles).

Os nenos/as empáticos son máis comunicativos  porque saben expresar mellor as súas emocións e teñen máis autoestima porque se senten máis seguros

Ademais o desenvolvemento da empatía mellora as relacións sociais, con interaccións máis ricas e con vínculos máis fortes. Isto tamén contribúe moito á súa socialización.

Para rematar deixámosvos algunhas actividades que podedes facer na casa, para axudar, aínda máis a mellorar e desenvolver a empatía dos vosos fillos e fillas máis pequenos:

- Traballala mediante contos, cancións, poesías, preguntándolles , como se sente esta personaxe?ou, que farías ti para que se sentira mellor?

- Facer teatrillos representando as personaxes, cambiando os papeis, para que se den conta de como se sinte cada un deles.

- Traballar as emocións con debuxos de caras con distintas emocións (poñéndoos na neveira, na súa habitación...) e ao longo do día, que exprese como se sinte, como vos sentides vos, así ademais de darse conta dos seus sentimentos, lles poñerá nome e entenderá cando a outra persoa os sinte.

 

Se os demais senten que nos (os adultos) somos empáticos confiarán máis en nos, comezando polos nosos fillos.