A frustación no neno. Como superala

QUE ENTENDEMOS POR FRUSTRACIÓN?

Podemos definila como un sentimento que aparece cando non se acada un obxectivo proposto . Este sentimento xera ansiedade, rabia, angustia, ira e ata depresión. Ante este cadro de sensacións, o neno debe saber reaccionar da forma máis sa para que afecte o menos posible ao seu equilibrio emocional (suponse que o adulto xa é capaz de facelo)

O fracaso en si non é malo. O fracaso é algo que vai asociado á mesma condición humana. Aos fillos hai que dicirlles que o triunfo vai ligado a superar os pequenos fracasos que constantemente xorden na vida.  A influencia da frustración sobre unha persoa está determinada pola personalidade, así como por numerosas variables, difíciles de controlar.

Debemos ser conscientes das CONSECUENCIAS que xera a frustración para o ser humano (en concreto no neno) e debemos previr que se desencadeen problemas psicolóxicos sobre todo no caso dos adolescentes cunha personalidade máis vulnerable. As reaccións máis socorridas son o enfado, a agresividade e ata a violencia. Tamén poden aparecer reaccións de tristeza, depresión, pesimismo, desmotivación, introversión. Para rematar podemos atopar un bloqueo, resignación e suspensión de todos os intentos de adaptación.

Tamén como resposta á frustración atopamos a regresión que nos nenos materialízase como un abandono dos seus intentos de conseguir o seu obxectivo e unha volta a condutas psicoevolutivas xa superadas.

Ante a frustración podemos aplicar MECANISMOS DE DEFENSA e transmitilos aos menores para o seu correcto uso. Hai que empezar por pensar nas posibles solucións e actuar dun xeito racional.

Tamén podemos intentar AUMENTAR A TOLERANCIA Á FRUSTRACIÓN que é o grado de fortaleza interna e equilibrio interior que lle permite a unha persoa seguir loitando para conseguir algo que anhela sen medo ao fracaso e a sentir frustración. Unha persoa con baixa tolerancia á frustración posúe unha sensibilidade excesiva cara a todo o desagradable.

Existen diferentes grados de tolerancia á frustración. Por exemplo, hai nenos que enseguida se enfadan e manifestan condutas frustrantes ante un desexo por pequeno que este sexa e hai outros que se se fala e razoa con eles, explica os porqués dunha decisión, comprenden e aprenden a reaccionar dun xeito controlado. Non se trata de educar aos fillos para o éxito senón para aprender de cada pequeno erro e volver intentar o obxectivo con ilusión. É preciso que o neno aprenda ao longo do seu crecemento que non sempre se conseguen as cousas que un desexa.

QUE PODEMOS FACER?

  1. Ser consciente dela. Isto require unha análise da situación. É o punto de partida. É conveniente saber como son as nosas reaccións e o que pensamos ante algo que nos molesta.
  2. Distinguir entre desexo e necesidade. Comprender que os desexos máis cotiáns pódense cumprir ou non, axudaranos a reaccionar mellor ante situacións nas que estes non se cumpran.
  3. Controlar os impulsos. Se non toleramos ben a frustración resultaranos difícil controlar os impulsos e ese é o motivo de reaccións bruscas e saídas de ton en mozos aínda por formar.
  4. Aprender a soportar a dor e o malestar. Aos nenos ou mozos hai que ensinarlles a que non basta con superar o impulso deben aprender a soportar o malestar que poden sentir cando teñen estes impulsos.
  5. Controlar o ambiente. Para chegar a controlar os impulsos é conveniente tamén controlar o ambiente en que nos desenvolvemos.

 

Francisco Javier Rodríguez Laguía    Data de publicación: 30/08/2007