A ORIENTACIÓN VOCACIONAL

Nas Escolas Salesianas entendemos a orientación académico-profesional como parte dun proceso máis amplo: a orientación vocacional. A orientación vocacional é un aspecto fundamental no noso centro, xa que é un dos eixes do noso sistema educativo.  Dende a nosa opción pola formación integral, entendemos que o último fin da  educación é que cada persoa encontre un sentido na súa vida e se prepare para afrontala de forma adulta e adaptada.

Os principais elementos da orientación vocacional son:

  • ORIENTAR PARA A VIDA: a educación é orientación en tanto que prepara para a vida; neste sentido a maduración persoal e a concreción de itinerarios forman unha parte importante doproceso orientador, asegurando a funcionalidade das aprendizaxes e a súa conexión co entorno próximo e futuro previsible do alumnado.
  • ASESORAMENTO SOBRE DISTINTOS CAMIÑOS E OPCIÓNS: o alumnado necesita formación-información sobre todas as opcións que se lle presentan (variables, consecuencias...) para poder tomar decisións adecuadas.
  • EDUCAR A CAPACIDADE DE TOMA DE DECISIÓNS: a toma de decisións fronte ás distintas opcións é un proceso complexo que debe ser aprendido e por tanto deseñado xa que a vida é unha continua toma de decisións.

 

Existe a idea errónea de que a orientación so se da nos momentos críticos, que son aqueles de cambios de etapa ou de toma de decisións sobre diferentes opcións.

Mais queremos aclarar isto, pois a Orientación Vocacional é un proceso ao longo da vida, que debe iniciarse dende a infancia. Debe ser un proceso de acompañamento e progresivo.

Neste proceso traballase o coñecemento dunha mesma e dun mesmo e polo tanto o autoconcepto e a autoestima. Traballase o coñecemento do entorno e das opcións e posibilidades académicas e profesionais. Traballase a autonomía e a seguridade para fortalecer a toma de decisións correcta. Así como a formulación do propio proxecto de vida encamiñado ao desenvolvemento integral persoal e social.

A orientación académica e profesional adquire unha especial relevancia naqueles momentos nos que o alumnado elixe entre distintas opcións que condicionan en gran medida o seu futuro académico e profesional, entendemos esta acción orientadora como un proceso que é conveniente desenvolver con máis intensidade durante toda a Educación Secundaria.

            A nosa orientación vocacional non ten como finalidade dirixir ao alumnado cara uns sendeiros ou outros senón que está concibida cun carácter marcadamente educativo, como un proceso de desenvolvemento das capacidades necesarias para que sexa o propio alumnado quen tome a súas propias decisións de xeito libre e responsable, tanto no momento actual como ao longo da súa vida.

Pero... como familia que podemos facer para axudar na maduración vocacional das nosas fillas e fillos?

  • Podemos favorecer aproximacións a aquilo que lles gusta, apuntándoos a actividades extraescolares que teñan relación con aquilo que se lles da ben ou lles gusta moito e queren mellorar.
  • Podemos favorecer a súa autonomía na execución de tarefas sinxelas, adaptadas á idade.
  • Podemos potenciar a toma de decisións deixándolles asumir responsabilidades e deixándolles tomar decisións que poden afrontar.
  • Podemos educar en igualdade, pois aqueles xogos e xoguetes elixidos na infancia repercuten posteriormente na elección da vocación, dándose claros sesgos de xénero nas profesións e limitando deste xeito a elección libre.
  • Pero sobre todo, acompañaremos ás nenas e nenos naquilo polo que teñen interese, sen desanimar nin condicionar as súas preferencias.