INNOVACIÓN: APRENDIZAXE COOPERATIVA

A escola actual camiña cara unha escola innovadora, cambiando as súas metodoloxías.

Dentro desta nova concepción da educación é imprescindible a colaboración e coordinación familia-escola. Pois educar é unha tarefa compartida, afectando positivamente a implicación da familia no rendemento académico.

Na nosa escola imos camiñando cara a innovación, poñendo en valor o traballo cooperativo.

A aprendizaxe cooperativa presentase coma unha das ferramentas que poñen en marcha e desenvolve a transmisión de valores indispensables para a vida en sociedade, unha sociedade diversa en canto a aptitudes, crenzas e culturas. A aprendizaxe cooperativa favorece a convivencia desde a aceptación das diferencias, sendo unha ferramenta clave de integración, comprensión e inclusión, ademais dunha metodoloxía que trata de garantir unha aprendizaxe de calidade.

Na actualidade disponse de probas suficientes que permiten afirmar que as relacións entre alumnado poden xogar un papel moi interesante na consecución de logros educativos. Durante as tres últimas décadas realizáronse numerosas investigacións que coinciden en sinalar que as relacións entre compañeiras e compañeiros inciden de forma decisiva sobre o Proceso de Socialización, a adaptación ás normas establecidas, a superación do pensamento egocéntrico e incluso sobre o rendemento escolar.

 

As principais vantaxes do traballo cooperativo son:

Participación igualitaria de todos os membros do grupo.

Responsabilidade individual e corresponsabilidade, axudándose e aprendendo mutuamente.

Asunción de compromiso coas demais persoas do grupo.

Interacción simultánea.

Toma de decisións e busca do consenso.

Mellora das habilidades sociais, pois aprenden a expresar acordos e desacordos, a respectar as quendas de palabra, a escoitar aos compañeiros e compañeiras e a pedir e ofrecer axuda.

A realidade das aulas, a priori, é que nos grupos existen tensións, rivalidades, exclusións, etc., por iso para conseguir unha clase cooperativa, primeiro debemos intervir sobre o grupo para que se vaia convertendo nunha pequena comunidade de aprendizaxe. Pasando de ser unha colectividade a ser unha comunidade.

O grupo comeza a ser comunidade no momento que se fai consciente de que teñen un obxectivo que os une e que ese obxectivo é máis fácil acadalo si se axudan mutuamente. Para iso dende a Acción Titorial traballamos co alumnado en materia de convivencia e resolución pacífica de conflitos, así como mellora da autoestima e cohesión grupal. Isto faise a través de dinámicas de grupo, de xogos cooperativos onde se traballa a empatía, a asertividade e as habilidades socias. Deste xeito o grupo vaise coñecendo mellor, van construíndo uns lazos sociais sólidos e van comprendendo que non teñen que competir, senón que deben axudarse e comunicarse, construíndo así unha pequena comunidade de aprendizaxe, que estará máis preparada para aprender conxuntamente.

 

Entre os efectos escolares da aprendizaxe cooperativa encontramos:

Motivación intrínseca.

Autoestima: nun contexto de interdependencia positiva é previsible que mellore a autoestima e autoconcepto das persoas participantes.

Apoio social: a aprendizaxe cooperativa provoca actitudes máis positivas ante as demais persoas do grupo, e facilita o apoio social entendendo este como dispoñibilidade das persoas para prestar axuda.

Esta metodoloxía lévase a cabo na escola, pero entón que papel ten a familia en todo isto?

Enténdese que é necesario formar alumnado cooperativo para lograr cidadás e cidadáns cooperativos, polo tanto a familia xoga un papel clave na consecución deste logro, principalmente sendo referente en:

Resolución pacífica de conflitos.

Modelo asertivo de comunicación.

Fomentar a empatía cara outras persoas.

Potenciar a autoestima das fillas e fillos.

FAMILIA E ESCOLA DEBEMOS CAMIÑAR XUNTAS NUNHA MESMA DIRECCIÓN.

Se queredes saber máis sobre este tema no apartado de recursos encontraredes un documento que leva por título “ El trabajo cooperativo como metodología para la escuela inclusiva”.