FAMILIA E COMUNICACIÓN

Se o diálogo é importante na relación entre as persoas, éo máis no ámbito familiar. Mediante a comunicación establecemos contacto coas persoas, transmitimos o que pensamos e tamén o que sentimos. Por iso todos, pequenos, medianos e maiores queremos ser escoitados e comprendidos.

Unha boa comunicación é a clave para manter boas relacións na familia e para a formación e o enriquecemento dos nenos/as. A comunicación que se establece entre pais/nais dende a infancia é de moita importancia. É cando se sentan as bases dunha experiencia que durará toda a vida e que desenvolverá nos seus fillos/as os sentimentos de seguridade, confianza, amor propio como instrumentos que lles permitan establecer vínculos satisfactorios cos demais.

Hai que lembrar que a comunicación non é soamente “falar” senón, que tamén existe a “comunicación non verbal” na que utilizamos xestos, silencios, posturas... Todos estes elementos entran en xogo cando interactuamos cos outras persoas e inflúen en que a comunicación sexa boa ou non.

Para comunicar aos fillos/as o que se considera importante e valioso é mester ter ocasión de facelo, é dicir, deben producirse situacións de diálogo. Enténdese por diálogo falar pero tamén escoitar. Para que o diálogo se desenvolva nun clima de confianza é necesario:

Non tratar aos nenos/as como persoas inferiores.

Convén non aproveitar a ocasión para rifar.

Escoitar con atención o que queren explicar ou preguntar.

Falar tamén do que lles interesa a eles/as.

QUE NON AXUDA Á COMUNICACIÓN EN FAMILIA?

Os xuízos de valor e as culpabilizacións.

Non saber e non querer escoitar.

Lembrar constantemente feitos pasados.

As contradicións.

As interrupcións.

Establecer comparacións entre os fillos/as.

Non recoñecer o que fan ben.

As ameazas.

As mentiras.

Quitar importancia aos problemas dos nenos/as.



Con este artigo finalizamos o ano 2017, non sen antes desexarvos un Bo Nadal e Prospero Ano Novo!!!