O XOGO EN FAMILIA

O xogo é inherente ao ser humano. O xogo é unha necesidade do ser humano, é unha actividade presente na vida dende a infancia.

O xogo é un dereito da infancia recoñecido na Convención dos Dereitos do Neno.

O xogo ten dúas funcións básicas, por unha banda contribúe á evolución física e motriz da nena ou neno, e por outra banda o xogo ten un papel fundamental na interiorización de normas e valores da sociedade.

 

Son moitas as persoas profesionais que se dedicaron a investigar a importancia do xogo na infancia, entre elas encontrarmos á pedagoga María Montessori, quen daba moita importancia ao xogo como estratexia de aprendizaxe e resaltou a importancia da participación das familias no proceso educativo das súas fillas e fillos. Montessori defendía que o cerebro desenvólvese coa estimulación, e o xogo proporciona parte desa estimulación.

O xogo ten múltiples beneficios no desenvolvemento da infancia, entre eles destacamos os seguintes:

Por medio do xogo experimentan e coñecen o mundo que os rodea.

Favorece a resolución de problemas que xorden e a toma de decisións.

Favorece o traballo en equipo e a coordinación.

Estimula a creatividade e a imaxinación, o que fai que sexan máis tolerantes e teñan máis éxito nas tarefas escolares.

Favorece a socialización e conforma un medio básico de comunicación.

A través do xogo canalizan moitos sentimentos e poden expresar as diferentes emocións.

 

Feito un percorrido básico pola importancia do xogo na infancia, procedemos a analizar a importancia do xogo en familia.

Sabemos que a familia é o primeiro referente do neno ou nena, e no seo da familia fórmanse a personalidade, os valores e as normas sociais de conduta.

A familia é o axente educativo máis importante para as nenas e nenos, e vista a importancia do xogo no desenvolvemento da infancia, educar a través do xogo convértese nunha tarefa familiar básica.

Xogar en familia é unha boa maneira de reforzar os vínculos e relacións, pois a través do xogo exprésanse emocións e sentimentos de unión entre quen participa. O xogo compartido entre os membros da familia é un espazo que:

Propicia comunicación, comprensión, confianza, apoio e unión, así como mellora da cohesión familiar.

Axuda a construír unha relación familiar sólida e duradeira.

Favorece o desenvolvemento da autoestima da infancia, pois senten que as nais, e/ou pais dedican tempo a divertirse xuntos, sendo un escenario de interacción único.

Favorece as habilidades sociais e emocionais.

Mellora o control emocional da nena ou neno, pois aprende a controlar as súas emocións e recoñecer as das demais persoas.

A interacción cos proxenitores no xogo aumenta a capacidade de concentración da nena ou neno.

Converte as experiencias pasivas en activas e divertidas, eliminando os sentimentos negativos das pasivas.

Promove a felicidade do neno ou nena e, paralelamente, da familia.

Ben é certo que a sociedade mudou, e as rutinas laborais das familias dificultan no día a día o encontro da familia e o tempo para o xogo, e esta circunstancia lévanos a buscar estratexias para conciliar. Pero é importante recalcar que para xogar so necesitamos un momento do noso tempo e ganas de facelo.

O momento do xogo en familia permítenos ser persoas máis espontáneas e liberarnos dos condicionantes que nos acompañan na vida adulta, isto permítenos sobre todo aprender das fillas e fillos, relaxarnos e desconectar, divertíndonos.

Non hai un xogo ideal para realizar en familia, pois calquera xogo que guste é ideal, o importante é que ambas partes gocen do encontro.

 

Coa infancia é fácil encontrar momentos de xogo compartido, pois a súa actividade principal é precisamente o xogo, e en calquera momento podemos unirnos a un xogo de disfraces ou calquera xogo que xorde no seu quefacer diario.

Coa adolescencia parece máis complicado un achegamento ao xogo compartido, pero aínda así aquí van algunhas posibles ideas para este encontro, que dependerán da situación de cada familia: propoñer xogos de mesa divertidos; involucrarse no videoxogo que tanto lles gusta; crear situacións de xogo improvisado como pode ser un karaoke, unha xymkana ou un xogo deportivo.

 

Voces expertas como Inma Marín, pedagoga e membro do Observatorio de Xogo infantil da Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes, recordan que chegan 10 ou 15 minutos diarios de xogo familiar para que as nenas e nenos empecen a conseguir todos os seus beneficios.

 

A xogar en familia, pois!