O fenómeno denominado acoso escolar, maltrato entre iguais ou bullying atopámolo presente en toda a historia, aínda que nos últimos anos adquire maior interese e relevancia social.

Durante este trimestre traballaremos o acoso escolar, o ciberacoso e o uso das novas tecnoloxías tanto cos rapaces, por medio dun obradoiro, como coas familias, dende o espazo de familias da nosa web. Para entender este fenómeno é preciso saber que é, os criterios para identificalo, os tipos, as consecuencias e o que podemos facer para erradicalo.

As dinámicas de funcionamento, tanto do grupo amplo que forma o alumnado coma do grupo limitado á aula, poden favorecer relacións negativas como o acoso. Outros conflitos escolares non son acoso: meterse un co outro de xeito amigable e sen intención de facer dano ou as discusións e incluso as pelexas entre alumnado a un mesmo nivel, situados, polo tanto, nun equilibrio de forzas.

No artigo 28 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, defínese o acoso escolar dicindo:

Para os efectos desta lei, considérase acoso escolar calquera forma de vexación ou malos tratos continuados no tempo dun alumno ou alumna por outro ou outra ou outros, xa sexa de carácter verbal, físico ou psicolóxico, incluído o illamento ou baleiro social, con independencia do lugar onde se produza. Terán a mesma consideración as condutas realizadas a través de medios electrónicos, telemáticos ou tecnolóxicos que teñan causa nunha relación que xurda no ámbito escolar.

Criterios de identificación do acoso escolar

Para poder considerar un comportamento como acoso escolar, deben cumprirse tres criterios diagnósticos, que deben darse simultaneamente, prescindindo da personalidade da posible vítima.

Os criterios son:A existencia de intención de facer dano, a repetición das condutas agresivas, a duración no tempo.

Tipos de acoso escolar

Para poder identificar unha situación de acoso é necesario coñecer tanto as súas formas coma as súas consecuencias.

Respecto das formas de acoso, temos que ter presentes manifestacións de maltrato tanto verbal –a través de insultos, alcumes, desprestixio...– coma físico, contra a persoa vítima ou os seus obxectos persoais. Tamén hai que ter en conta posibles situacións de intimidación, tales como ameazas, chantaxes, roubos… e, por último, situacións de illamento.

Algunhas destas manifestacións de acoso poden exercerse a través das novas tecnoloxías: teléfono móbil, redes sociais... (ciberacoso). Algúns exemplos de manifestación a través das TIC son: mensaxes de móbil ofensivas, intimidatorias ou non desexadas; correos electrónicos ofensivos, intimidatorios ou non desexados; utilización da súa imaxe sen permiso, gravacións de sucesos co móbil sen permiso, outros.

Consecuencias do acoso escolar

Respecto da vítima, son múltiples os síntomas que pode sufrir, pero fundamentalmente concrétanse nunha perda de confianza e autoestima, fobia ao centro, ansiedade e depresión e incluso problemas físicos como consecuencia da somatización. Para a identificación destes síntomas resulta fundamental a colaboración das familias.

As consecuencias que poden reflectirse nunha situación de acoso ou maltrato entre iguais poden ser:

* §Para a vítima: pode traducirse en fracaso escolar, trauma psicolóxico, risco físico, insatisfacción, ansiedade, infelicidade, problemas de personalidade, risco para o seu desenvolvemento equilibrado.

* §Para a/s persoa/s agresora/s: pode ser a antesala dunha futura conduta delituosa, unha interpretación da obtención de poder baseada na agresión, que pode perpetuarse na vida adulta, e incluso unha supravaloración do feito violento como socialmente aceptable e recompensado.

* §Para os/as compañeiros/as observadores/as: pode conducir a unha actitude pasiva e compracente ante unha inxustiza e unha modelaxe equivocada da valía persoal.

O acoso entre escolares é utilizado polos agresores como unha forma de demostrar o seu poder, utilízano sempre con persoas que saben que non se van defender.

Para erradicar as situacións de acoso escolar, e seguindo a Díaz Aguado, debemos ter presente o seguinte:

* § Intervir ao primeiro sinal, para que a violencia non sexa grave nin se repita.É importante que ante a sospeita dunha situación de acoso a comuniquemos ao colexio para que poidamos intervir o antes posible.

* § A amizade e a integración como prevención: o traballo propio da aula debe permitir que todo o alumnado teña un grupo de amigos. Isto permitirá, ao mesmo tempo, mellorar a calidade de vida nas escolas e aprender habilidades sociais.

* § Existen tres papeis que hai que previr, intervindo con toda a comunidade educativa: o de persoa agresora, o de vítima e o de persoa espectadora pasiva, que coñece a violencia pero non fai nada para evitala.

Cando se da unha situación deste tipo é imprescindible a coordinación entre as familias e o colexio. É preciso manter sixilo cos datos e a información que tanto o alumnado, as familias e o centro pode manexar non fomentando a especulación ou bulos. Ante unha situación así o colexio o primeiro que fará é citar as familias das persoas implicadas para comunicarlles a situación, os pasos a dar e as propostas para volver a un clima de convivencia positivo para todas as persoas afectadas ( persoa agresora, vítima e a persoa espectadora)polo tanto disporá de primeira man da información precisa.

No noso espazo de recurso, achégase unha guía para pais e nais elaborado pola CEAPA onde se trata este tema de forma ampla, útil e sinxela.

( Protocolo Xeral de Acoso e Ciberacoso Escolar da Xunta de Galicia)