O día 31 de xaneiro todo o colexio festexou Don Bosco, coma unha gran familia lembrando a quen iniciou esta aventura.

Cada etapa reuniuse, ao longo da mañá, para celebrar a Palabra e a Eucaristía na parroquia. A continuación, as actividades da festa de Don Bosco combináronse coa celebración do día da Paz. Así, as etapas de Infantil e Primaria tiveron durante a mañá unha titoría sobre a figura e a obra de Don Bosco, e diversos xogos e dinámicas relacionadas coa paz que lles axudaron a coñecer mellor aos fundadores dos colexios relixiosos de Lugo, todos eles traballadores pola paz.

As clases da ESO, despois dunha titoría sobre a vida de Don Bosco e o labor dos salesianos nos nosos días, ensaiaron por última vez antes de presentar as súas actuacións no festival de Playbacks.

Ao día seguinte, 1 de febreiro, foron os cursos de Infantil e Primaria os que presentaron as súas cancións e  teatriños. O primeiro curso da ESO desprazouse ata o seminario para celebrar a Xornada Intercolexial da Paz: unha actividade organizada xunto ao resto de colexios concertados de Lugo, e que ten como obxectivo visibilizar e fomentar o traballo pola paz. O resto da etapa de secundaria dedicou as últimas dúas horas da mañá para realizar as dinámicas previstas para o día da Paz.

Foron dous días cheos de actividade e de alegría, que culminaron cos Festivais Solidarios de cada unha das etapas.

Ver fotos ESO Festival Playback Don Bosco

Ver fotos EP Celebración Don Bosco

Ver fotos Celebración Paz EI-EP