Os días 12 e 13 de abril, os alumnos e alumnas de 1º da ESO realizamos a saída cultural a Astorga e a León. Saímos en torno ás 8:30 h da mañá, cun día que prometía moita choiva. Xa en Astorga, visitamos o Museo Romano e os restos romanos da cidade, coñecida naqueles tempos como Asturica Augusta. Logo de comer, tamén visitamos o coñecido Centro de Interpretación do Chocolate, onde se nos explicou o proceso de obtención e fabricación do chocolate e moitos de nós mercamos algunha que outra libra do saboroso doce. Xa máis tarde, tivemos unha visita guiada ao Palacio Episcopal de Astorga, obra do famoso arquitecto Antonio Gaudí.

Xa contra o final do día, dirixímonos ao Colexio Don Bosco Salesianos de León onde, logo da cea, estivemos pasando un bo tempo xogando ao fútbol, baloncesto, e mesmo tivemos unha sala con futbolín e mesas de ping-pong a nosa disposición.

Ao día seguinte, visitamos a Catedral de León, de estilo gótico, onde unha audioguía nos ía explicando todos os detalles nos que nos debíamos fixar no interior da catedral.

Finalmente, e logo de comer, regresamos cara a Lugo, ledos pola experiencia e convivencia mantida durante este par de intensos días.