No tocante a proxectos educativos, o centro continúa a dar pequenos pero constantes pasos cara adiante. Boa mostra deste feito foi este segundo trimestre, que contou cun crecente número de proxectos educativos baseados na actividade cooperativa, e co noso lema para este curso, “O sabor da felicidade”, moi presente.

En Educación Infantil, os nenos e nenas de 4 anos traballaron no lema do curso co proxecto “O Cociñeiro”, no que aprenderon a orixe dos alimentos, os utensilios e algúns dos segredos para chegar a ser magníficos chefs. Os pequenos e pequenas de 5 anos, pola súa banda, adquiriron hábitos alimenticios saudables mediante o proxecto “Comer san”.

En EP, os nenos e nenas da etapa traballaron nun proxecto da área de naturais dedicado aos seres vivos e os seus hábitats, rescatando coñecementos previos e elaborando dioramas sobre os ecosistemas, así como documentais sobre especies endémicas do noso país. Tamén unido ao noso lema, no proxecto “Saboreando o Outono”, os alumnos de toda a etapa coñeceron as raíces gastronómicas desta festividade para rematar elaborando unhas receitas que fixeron as delicias de alumnos, alumnas e docentes.

Na ESO, os alumnos e alumnas realizaron unha inmersión na cultura francesa mediante tres proxectos: mediante “La Chandeleur”, coñeceron a orixe desta festividade e elaboraron crépes; grazas a “Échange Linguistique” intercambiaron coñecementos e amosaron soltura idiomática cun centro de Lyon; e mediante “La famille”, realizaron un intercambio epistolar cun centro de Saint-Éttienne. Do mesmo xeito, afinaron o seu uso do galego nesta materia para elaborar historias que eles mesmos gravaron e presentaron.