O pasado 23 de marzo o alumnado de 4º da ESO visitou a Universidade de Santiago de Compostela do Campus de Lugo nunha xornada moi interesante e proveitosa.

Ao chegar recibiunos alumnado de diferentes titulacións. Unha vez no salón de actos o Coordinador do Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC no Campus Terra de Lugo deunos a benvida. Posteriormente o Vicerreitor de Coordinación do Campus e o coordinador do programa fixéronnos unha presentación do campus de Lugo. 

A continuación alumnado universitario do Campus lucense compartiu cos asistentes a súa experiencia neste Campus en particular e na cidade de Lugo en xeral, estando abertos ás preguntas que o noso alumnado quixese facer.

Finalmente deron traslado ao noso alumnado por itinerarios aos diferentes Centros do Campus e á Biblioteca Intercentros, acompañados por alumnado do Campus, coas actividades previstas en cada facultade.

Foi unha experiencia ben entretida que agradou ao noso alumnado, axudándolle a despexar dúbidas de cara ao ensino universitario.