Entre os días 5, 6 e 7 do mes de febreiro, celebráronse os festivais de Don Bosco correspondentes ao curso escolar 17-18. As celebracións tiveron lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire e no teatro do noso centro, e contaron cunha gran afluencia de público. As doazóns realizadas por medio das entradas vendidas (de colaboración voluntaria) terán como finalidade axudar, por unha banda, ao proxecto salesiano de Kara Market, en Togo, país africano no que unha misión salesiana trata de axudar por medio de becas de estudo, comedor e axuda hospitalaria a un grupo de 81 nenos e nenas. Por outro lado, tamén servirán ditas doazóns para axudar ao proxecto "Nengún neno e nena sen verán", da fundación Juan Soñador.

 

Comezaron os maiores da ESO o día 5, cun festival de play-backs que seguía a temática de "Cancións do Verán", que animaron ao público a subir as temperaturas nunhas xornadas realmente frías no que a climatoloxía se refire. O día 6, os nenos e nenas de EP realizaron tres obras teatrais que entretiveron ao público e sacaron innumerables sorrisos: 2º EP realizou un Telexornal Salesiano, 4º EP representou uns particulares Xogos Olímpicos, mentres os nenos e nenas de 5º EP representaron con tino e simbolismo o mundo das emocións. O día 7, xa no teatro do centro, os peques de EI, por medio das aulas das setas, ratos e vermes, representaron o clásico "O Pricipiño", de Saint-Exupéry, que emocionou e sacou gargalladas a partes iguais.  

 

A recadación conxunta correspondente a estes festivais foi de 1447.20 €, o que fala ben ás claras do éxito dos mesmos e da xenerosidade das familias que toman parte na nosa comunidade educativo-pastoral. Grazas a todos e todas pola vosa colaboración, asistencia, participación e solidariedade. 

 

Viva Don Bosco!